Subscríbete mediante RSS

pon o teu Email

mércores, 22 de decembro de 2010

Os Reis Magos visitan o CEIP A Rúa

Está mañá chegaron ao cole nos seus camelos os Reis Magos, que como ben sabedes chámanse Melchor, Gaspar e Baltasar. Viñeron cuns sacos cargados de caramelos e, despois de repartilos aos nenos e nenas do cole, volvéronos encher cos montóns de cartas que estes lles entregaron pedindo os seus agasallos.
Agora só queda esperar que dean conta de todos os recados!!



Hoxe tamén nos visitaron os alumnos de 1º de ESO do IES de Rodeira que o ano pasado estiveron en 6º de primaria neste cole.  O profe Luís esperounos para saúdalos e felicitalos polas súas excelentes cualificacións deste primeiro trimestre. Sorte para todos/as no 2011.

martes, 21 de decembro de 2010

Antonio García Teijeiro regálanos un poema con bos desexos no 2011

Recibimos un e-mail de Antonio García Teijeiro que di o seguinte: "Para todos vós que sodes encantadores, este poema que quere desexarvos un 2011 cheo de amor, paz e poesía.
Bicos a toda esa comunidade escolar marabillosa."
 
Moitas grazas a Antonio por lembrarse de nós :-)

Calendario 2011

Agredecémoslle a Luís este agasallo dun magnífico calendario do 2011 personalizado para o CEIP A Rúa, feito coa colaboración dos traballos do alumnado e mestres e mestras deste centro.


(Pincha na imaxe para ver o calendario completo)

venres, 17 de decembro de 2010

Bo Nadal 2010!

Os nosos mellores desexos dende o CEIP A Rúa para todos e todas! :-)

xoves, 16 de decembro de 2010

Presentación das parellas no Apadriñamento Lector

Hoxe tivo lugar a presentación das parellas de padriños/madriñas e afillados/as. Fixémolo na hora de ler. Os de 6º foron á clase dos de 1º e alí formamos as parellas. Despois estiveron uns minutiños charlando para empezar a coñecerse, como podedes ver nas fotos:



As sensacións foron boas e todos saíron moi contentos. Pronto teredes máis noticias contadas por eles mesmos. Á volta das vacacións, comezaremos coa lectura.

Publicado no blog: Aprendizaxe en grupos cooperativos

martes, 14 de decembro de 2010

Océanos

Un bonito traballo realizado polos nenos e nenas de 4º curso.
 Publicado no seu blog: Marchosos do Medio



venres, 10 de decembro de 2010

Apadriñamento lector

06/12/2010


Estamos poñendo en marcha unha actividade de aprendizaxe cooperativa baseada na Titoría entre Iguais. O Apadriñamento Lector consiste en que cada alumno/a de 6º curso apadriñe ou amadriñe a través da lectura a un neno/a de 1º curso. Na hora de ler dos venres, os alumnos/as maiores elixirán un conto e leranllo aos pequenos. O que pretendemos é, por unha parte, mellorar o proceso lector tanto nos titores (padriños e madriñas) como nos titorandos e, por outra parte, fomentar as relacións de convivencia entre grupos de distintas clases.

O programa consta de catro fases:

1. Período de formación dos titores: É na que estamos neste momento. A principios de novembro, comentámoslle ao alumnado de 6º a posibilidade de iniciar esta experiencia, insistindo na responsabilidade que conlevaba e nas repercusións positivas que podiamos obter tanto no seu proceso lector como no desenvolvemento da aprendizaxe nos nenos/as de 1º, así como a importancia que podía ter en canto a favorecer a relación e a convivencia entre cursos. Como se mostraron de acordo, iniciamos un período de formación ofrecéndolles un modelo lector en canto a entoación, volume, pausas, ritmo... e demais aspectos involucrados na lectura en voz alta. A profesora de PT, elixiu un conto adaptado ás idades dos alumnos/as de 6ª e llo está lendo na hora de ler dos mércores e dos venres, contestando ademais a todas as dúbidas que lles van xurdindo sobre o apadriñamento.

2. Formación das parellas lectoras: Ao mesmo tempo, o profesorado implicado (Antonio, titor de 6º; Chus, titora de 1º; Rosana, profesora de PT) irá establecendo as parellas en función do rendemento académico en lingua, das actitudes e aptitudes lectoras, e das características persoais do alumnado, de xeito que as parellas sexan o máis equilibradas posibles en todos os aspectos.

3. Implantación do programa: Na primeira sesión presentaránse as parellas e compartirán uns momentos para coñecerse. Cada parella recibirá un carné no que ademais dos seus nomes, irán anotando as lecturas que vaian facendo así como calquera información do proceso que consideren relevante. Nas posteriores sesións, a metade do alumnado de 6º se desplazará á aula de 1º, e viceversa, e os de 6º comezarán co apadriñamento lendo contos e axudándolles aos de 1º no seu proceso lector. Haberá unha profesora en cada aula para contestar ás dúbidas e axudar ao alumnado que o precise.

4. Avaliación: Partimos dunha avaliación inicial en canto ao proceso lector que parte da primeira avaliación de 1º e 6º nas áreas de Linguas. Levarase a cabo unha avaliación continua durante o desenvolvemento do programa, que nos permita modificar os aspectos que sexan necesarios. A finais de maio, haberá unha avaliación final para determinar o grao de consecución dos obxectivos propostos.

Publicado no blog Aprendizaxe en grupos cooperativos

luns, 29 de novembro de 2010

Caligramas enredados (Taller de poetas no blog de 5º)


Visita o blog "Rizando o rizo" de 5º de primaria



Estivemos buscando información sobre Lois Pereiro, homenaxeado pola RAG o 17 de maio do vindeiro 2011. Aprendemos, entre outras cousas, que era un representante da vangarda.
A profe recordou que os caligramas foron un signo de vangarda a principios do século XX; ensinounos algúns e animounos a crear os nosos propios.
Deixámosvos aquí uns cantos como primicia:




I'love you, en inglés.
Ti amo en italiano.
Pero lo mucho que te quiero,
te lo digo en castellano.
Tinta en un tintero, 
pero con mi sangre
te escribiría te quiero.
(Dedicado a Lara)

Miguel



Me he levantado,
me he lavado,
he desayunado.
Aunque estaba dormido,
me he vestido, 
he ido al colegio, 
he estudiado,
he jugado
y a casa me he ido.

Iván


Eu teño unha casa
que é moi descolorida,
ten dúas ventás redondas
e unha porta amarela.
No tellado hai dous paxariños
comendo uns "gusaniños",
¡que rico!

Nadia


Eh! gatiño! 
Vén para acá,
ti es o meu berce de soidade.
Veña! Vén para acá!
Eu quérote, meu animal.

Iria Miranda


Eu ao meu can
lánzolle a pelota
e vaina buscar
saltando e brincando,
correndo e ladrando.

Iria Miranda


A que son chulísimos???!!!
Pouco a pouco subiremos ó blog o resto dos caligramas.
Temos algúns en inglés!!! :-)

3 comentarios:


CEIPARUA dijo...
Sodes uns verdadeiros poetas, moi creativos/as. Estou francamente ilusionada cos vosos escritos e co voso interese e esforzo. Grazas a todos/as, seguide así. É un pracer compartir as clases de Lingua con vós, pásanme voando e aprendo moitísimo! Bicos e libros Ana
Antonio García Teijeiro dijo...
Encantáronme estes caligramas. Os poemas,orixinais, auténticos e, en moitos casos, ben ricos. Magnífico "esa tinta, ese tintero e ese te quiero". Seguide lendo porque, sen vos decatar, estaredes interiorizando versos e adquirindo unhas ferramentas valiosas para facer poemas. Xa sabedes que a poesía non se ensina, fíltrase e se vos mergullades polos versos dos/das poetas mollarédesvos de imaxes, xogos, riqueza de vocabulario etc. Roubade versos, metáforas, símiles...así aprenderedes. Parabéns e seguide lendo e escribindo. Bicos e versos. Antonio García Teijeiro
Antonio García Teijeiro dijo...
Marabillosos poemas. Hai moita ilusión e moito traballo detrás. Lede, roubade versos, imaxes, temas, matáforas e tede en conta que a poesía non se ensina, fíltrase. Así que seguide achegándovos a ela e ides sentila moi preto de vós. Son moi feliz ao saber que rapaces e rapazas coma vós estades sentindo dentro a poesía. Parabéns. Bicos e versos. Antonio García Teijeiro

martes, 23 de novembro de 2010

Stabri no lago Ness

Este verán Stabri estivo, nada máis e nada menos, que co monstro do Lago Ness. Quedou tan impresionado que quixo celebralo facéndonos algúns agasallos!
Para iso pediunos participar recreando o encontro de Stabri co monstro ó noso xeito: debuxando, con plastilina, etc...
E, no cole de A Rúa, como temos MOITÍIIIIIIIIISIMA IMAXINACIÓN, fixemos uns traballos fabulosos!!
Tan fabulosos e creativos, que recibimos, nada máis e nada menos, que 4 premios!!!

O 1º, para Laura Piñeiro
O 2º e 3º, para Iria Miranda
O 4º, para Antía Riobó

Estes son os traballos presentados e as gañadoras do concurso na entrega de premios:



Deixámosvos aquí a entrada que os nenos e nenas de 5 anos fixeron sobre os premios Stabri. Só tedes que facer click en Papafroitas, a mascota da clase.

luns, 22 de novembro de 2010

BUZÓN DE CONVIVENCIA

Xa está colocado o Buzón de Convivencia!!!

De momento, mentres duren as obras, contaremos cun so buzón no primeiro piso, xusto ao final das escaleiras.

Lembrade que as funcións do Buzón de Convivencia son:

1. Avisar dos problemas de convivencia que hai no centro (na clase, no patio, no autobús, nos baños...)

2. Achegar ideas para mellorar a convivencia

3. Felicitar ás persoas que fan algo ben ou melloran o seu comportamento

4. Propoñer como mellorar as instalacións do centro


5. Facer preguntas sobre a convivencia

xoves, 18 de novembro de 2010

Que é poesía?

¿Qué es poesía?, dices mientras clavas
en mi pupila tu pupila azul.
¿Qué es poesía? ¿Y tú me lo preguntas?
Poesía... eres tú.

Gustavo Adolfo Bécquer, "Rimas"






Hoxe na clase falamos dun poeta galego, Lois Pereiro, ó que está dedicado o Día das Letras Galegas do vindeiro ano. Descubrimos que se homenaxea deste xeito á contracultura e a vangarda.


Falamos dos caligramas como exemplos de vangarda, a principios do século XX. Vimos algúns moi orixinais. Hoxe divertirémonos elaborando algúns que mañá compartiremos e posteriormente publicaremos no noso blog "Rizando o rizo". Estade atentos/as!!

mércores, 17 de novembro de 2010

Festa do magosto!

Por fin tivemos un día no que non choveu e puidemos celebrar o magosto no cole!

Primeiro os profes máis expertos fixeron o lume cun bo feixe de leña e asaron as castañas.

Despois do recreo os alumnos/as tivemos unha sesión de xogos: o pano, os aros, carreiras, etc.

E por fin chegou o momento de repartir as castañas e comelas. Tivemos que comelas fuxindo uns dos outros porque senón acababas emborrallado da cabeza aos pés. Foi o máis divertido :-)

Ah, os/as profes tampouco se salvaron e foron ben emborrallados para as súas casas!


venres, 12 de novembro de 2010

Chegou o día

Temos todo preparado: as castañas, a leña para asalas, os recipientes para degustalas comodamente... e, fallounos o día!
Agardamos con entusiasmo o primeiro día que estea bo para celebrar O MAGOSTO.

xoves, 11 de novembro de 2010

Preparados/as para o magosto!!!


Dispostos/as a pasalo ben se o tempo acompaña!!!

sábado, 6 de novembro de 2010

Xuntanza de representantes


Dende a Comisión de Convivencia convocamos esta semana a primeira xuntanza de representantes dos/as alumnos/as. Cada curso de Educación Primaria votou previamente a dous compañeir@s para que foran os seus portavoces. Os/as elixidos/as foron:

1º: Anxo e Joel
2º: Gabriel e Laura
3º: Inés e Mario
4º: Abel e Salwa
5º: Cristina e Iria
6º: Miguel e Tamara

Os dous alumnos de 6º formarán parte ademais do Observatorio de Convivencia do centro.

A orde do día incluiu a presentación de todos os participantes, a entrega de material, a información sobre as funcións dos representantes e do buzón de convivencia que están no taboleiro de cada clase e, finalmente, un tempo para rogos e preguntas.

Seguro que entre todos seguimos facendo do cole un espazo de diálogo e convivencia.


xoves, 4 de novembro de 2010

A clase de 5º estrea blog cun acertixo!!!

Rompe a cabeza pensando!!


Ola a todos e todas! Somos alumnos/as de 5º de Primaria do CEIP A Rúa de Cangas de Morrazo (Pontevedra).
Benvidos/as ó noso primeiro blog. Queremos estrealo lanzándovos unha pregunta, aí vai:

¿Por que se chama "Rizando o rizo"?

Anímate, veña!! Anima ós teus amigos, familiares, compañeiros, coñecidos...! que vai ser moi divertido!!

Deixa os teus comentarios no noso blog: http://rizandoorizo.blogspot.com/

mércores, 3 de novembro de 2010

Comeza a Escola de Nais e Pais o 4 de novembro


A primeira sesión da Escola de Nais e Pais non puido celebrarse antes e será este xoves, día 4 de novembro, ás 17:00, no CEIP A Rúa.

Para que esta actividade poida ter continuidade é moi importante a vosa asistencia. 
Lembrade que podedes traer aos vosos fillos/as pois temos unha coidadora que se fará cargo deles!

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!

venres, 29 de outubro de 2010

POCIÓN MÁXICA DO SAMAÍN

AS FROITAS DE 5 ANOS PREPARAN O SAMAÍN OFRECENDO A SEGUINTE POCIÓN MÁXICA

luns, 25 de outubro de 2010

Visitamos o XIV Salón do Cómic de Cangas





Hoxe os alumnos/as de 3º ciclo visitamos o Salón do Cómic no Auditorio de Cangas.
Participamos nun obradoiro dirixido por Jacobo Fernández Serrano. Falounos da banda deseñada, que é, características, funcións...e animounos finalmente a crear o noso propio cómic.

Aquí tedes unhas imaxes para ilustrar o ben que o pasamos e o moito que traballamos!


Se queredes máis información sobre Jacobo Fdez Serrano, creador de banda deseñada, podedes visitar:

http://milcousas.wordpress.com/

http://jacobofernandezserrano.blogspot.com/

http://www.osamigosdearchimboldoroque.blogspot.com/

http://www.culturagalega.org/bd/autores_detalle.php?Cod_prsa=59&busca=Jacobo%20Fern
andez


Animádevos a participar polas tardes, a partires das 17:30, nos obradoiros no Auditorio de Cangas!!!

martes, 19 de outubro de 2010

Escola de pais e nais no CEIP A Rúa 2010-2011


Invitamos a todos os pais e nais do alumnado do CEIP A Rúa a participar na Escola de pais e nais que organiza o departamento de prevención do Ilmo. Concello de Cangas e na que colaboran a ANPA do noso colexio e o Departamento de Orientación.
 
A primeira sesión será o vindeiro xoves, día 21 de outubro, ás 17:00, no CEIP A Rúa. Despois celebrarase unha sesión cada quincena.
 
Unha escola de pais e nais trata os temas que máis nos preocupan sobre a educación e relación cos nosos fillos e fillas, e permite compartir os nosos puntos de vista cos doutros pais e nais. 
 
É moi importante a vosa presenza, pois para que esta actividade se leve a cabo necesítase unha participación mínima de 12 pais e nais
 
Lembrade que podedes traer aos vosos fillos/as pois temos unha coidadora que se fará cargo deles!
 

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!

xoves, 30 de setembro de 2010

O rei ra, da cineasta Lotte Reiniger


Hoxe Cine A Rúa combina dúas artes, a literatura (un conto dos irmáns Grimm) e o cine (da man da cineasta alemana Lotte Reiniger) para presentarvos a historia de...


O Rei ra

Este conto relata o que lle aconteceu a unha princesa cando xogaba cunha pelota e esta lle foi caer nun estanque.
Ante esta circunstancia promételle a unha ra que lle dará o que queira a cambio de lla recuperar. A princesa acaba por non cumprir a súa promesa.
Daquela a ra preséntase nas portas do castelo, obrigándolle o rei á súa filla a que cumpra aquilo que prometera.
A princesa desconforme chega a aceptar a ra comendo do seu prato e bailando nos seus brazos, pero non acepta que probe a súa cama.
Por iso cando o seu pai non está presente opta por guindar a ra con forza contra unha parede.
A historia conclúe coa lección de que "o amor e a beleza están no corazón", logo de que a ra se converte nun fermoso príncipe.


Lotte Reiniger, namorada das sombras chinesas, ofrécenos todo un espectáculo visual utilizando na súa paleta brancos, negros e grises.
Non volo perdades!!
Ahhh! E podedes aproveitar para practicar o inglés, xa que está en versión orixinal subtitulada!!


mércores, 15 de setembro de 2010

Por fin o primeiro día de cole!!!

Con algúns atrancos, pero aquí estamos, con moitas gañas de empezar a compartir novas experiencias.
Queremos dar grazas a todos os membros da comunidade educativa pola súa paciencia e esforzo, sen tod@s vós hoxe non sería posible comezar as clases.
Sinceramente, ver o sorriso co que entran os nenos e nenas pola porta do colexio fai esquecer moitos "sinsabores" de última hora. Por fin, todo volve á normalidade! Estamos de noraboa!! :-)


Deixámosvos un bo desexo do blog de música A banda do cole:

O primeiro día para comenzar con LEDICIA... BAILAMOS???

martes, 14 de setembro de 2010

Confírmase que mañá mércores comezan as clases no CEIP A Rúa

Reunido o Consello Escolar hoxe martes, ás 9 da mañá, e avaliado o estado das instalacións, confírmase que comezamos mañá mércores as clases. Agradecemos especialmente ó profesorado o seu esforzo por ter que colocar o material didáctico nun só día, sabemos que non é o idóneo e que se fai para non atrasar as clases e causar máis trastornos ás familias.
Onte recibimos por fin a visita do Xefe Territorial e da Inspectora, aquí vos deixamos o enlace á noticia que sae publicada hoxe no xornal.





O Xefe territorial de Educación, César Pérez, con membros do equipo directivo visitando as instalacións do centro

Foto:Carmen Giménez

mércores, 8 de setembro de 2010

As clases comezan o mércores 15 de setembro

Mañá sairá publicado no Faro de Vigo un comunicado onde se indica que, por orde do Xefe Territorial de Pontevedra, as clases atrásanse ata o mércores día 15 de setembro.

A razón desta demora é que a obra interior estará rematada mañá a última hora e , posteriormente, dende o venres ata o martes, o concello deberá proceder ó traslado do mobiliario e á limpeza xeral do centro. Á vez, o profesorado organizará o material didáctico das aulas.

Sentimos as molestias ocasionadas ás familias pero tamén consideramos que é importante que os nenos e nenas inicien as clases en condicións idóneas de hixiene, seguridade e confort.

Por outra banda, aproveitamos para informar ós pais e nais do alumnado de Educación Infantil 3 anos, que o martes 14, ás 16:30, a titora convoca unha xuntanza informativa sobre o Plan de adaptación á escola. Esperámosvos!


Estado das obras de remodelación do colexio A Rúa, en Cangas. // Gonzalo Núñez


Enlace que vos leva ó comunicado publicado no Faro de Vigo

xoves, 2 de setembro de 2010

O profesorado reúnese en Castrillón

O 1 de setembro entramos no colexio co ánimo de reunirnos e empezar coa organización das clases. Debido a situación precaria das instalacións, postos en contacto coa Inspección Educativa correspondente, esta derivounos ó colexio de Castrillón onde estamos levando a cabo as tarefas previas para a posta en marcha do presente curso 2010-2011. Agradecemos ó profesorado de Castrillón a súa amable e xenerosa acollida.

Colexio de Castrillón, en Coiro

Aínda que en principio as clases comezan o 10 de setembro, por se hai algún retraso no remate das obras interiores, é importante estar pendentes da prensa e do blog.
En canto á reunión de 3 anos, esperamos levala a cabo cando o colexio reúna unhas mínimas condicións para recibir ás familias.
Sentimos as molestias ocasionadas polas obras de reforma. Haberá que pensar de forma positiva, que todo isto derivará na mellora do centro. De todas formas, estamos facendo todo o que está nas nosas mans para que se cumpran os prazos previstos e o alumnado poida ser recibido nas mellores condicións de seguridade.

mércores, 25 de agosto de 2010

Xa se ven cambios

O remate total da obra está previsto para decembro. En principio, as reformas interiores estarían listas, sendo optimistas, para o 10 de setembro; confiemos en que así sexa.




Aula de usos múltiples





Conserxería

















Ampliación exterior de novas aulas

xoves, 12 de agosto de 2010

A obra avanza

Aínda que nos gustaría que avanzase máis rápido, entendemos que cada fase da obra require o seu tempo. De momento xa se pode ver a cimentación dos novos espazos.
Xa queda menos!

sábado, 31 de xullo de 2010

Máis vale tarde...

A máquina xa está a punto para empezar o seu traballo. Pouco a pouco a paisaxe do patio vai cambiando. Os nenos/as dan paso ás ferramentas, aparellos, máquinas e materiais propios do traballo que se vai levar a cabo.
Seguiremos atentamente a evolución.

martes, 27 de xullo de 2010

Hoxe empeza todo


Si, teño que darvos dúas gratas novas.
A primeira é que hoxe comezaron no colexio as obras de ampliación!!! Sen tempo non era!! A ver se nos sorprenden e en setembro gozamos das novas instalacións, especialmente da nosa flamante biblioteca!!















A segunda, que estamos de noraboa pois nos presentamos ó Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares e o proxecto realizado pola Comisión da nosa Biblioteca foi valorado moi positivamente, concedéndonos unha subvención de, nada máis e nada menos, que 6000 euros!!!

Queremos agradecer o traballo dos/as profesores/as que puxeron moito esforzo e gañas nesta proposta: Luís, May, Rosa, María Caneda (Ismael, mentres ela non estivo) e María, sen eles non se podería levar a cabo.

Tamén hai que resaltar a colaboración do resto do profesorado nas iniciativas que promoveu a Biblioteca escolar, materializando este interesante proxecto.
















Buscando un título para esta entrada, lembreime dunha película do ano 99 que recomendo a pais, nais e profesores/as, "Hoxe empeza todo", do director francés Bertrand Tavernier. Se aínda non tivestes o pracer de visionala, non vola perdades. Para máis información facede click no cartel promocional da mesma.












"A escola asume ante a sociedade o compromiso de educar, por suposto, pero tamén ten un compromiso coa comunidade e coa humanidade, pois é parte dun proxecto que vai máis aló das normas administrativas, das necesidades de aprendizaxe dunhas idades concretas"
(Fragmento da recensión da película escrito por Enrique Martínez-Salanova Sánchez)

xoves, 15 de xullo de 2010

Libros de texto e material complementario

Este é o listado de libros de texto e material complementario do CEIP A Rúa para o curso 10-11.
Lembrámosvos que cos vales das axudas para a adquisición de libros de texto, no caso de que o importe destes sexa inferior ó concedido, pódese mercar material complementario ou calquera outro material escolar.
Para ver o texto a tamaño grande, facer clik na imaxe.

mércores, 23 de xuño de 2010

"Kirikú e a serpe"

Os alumnos e alumnas de 6º deixáronnos, antes de marchar, un agasallo especial para tod@s nós, un verdadeira xoia que foi o traballo de todo un curso.
Grazas a May por tomar a iniciativa e acompañalos na creación deste vídeo de animación tan especial.
Esta é a escola que nos gusta!! :-)

Como veredes, está dedicado ó profe Luís, o seu titor durante estes dous últimos cursos,  que este verán comeza tamén unha nova andaina.
Unha aperta afectuosa ós alumnos e alumnas de 6º e, como non, tamén ó profe Luís, boa sorte a todas e todos!!

martes, 22 de xuño de 2010

Xogo fin de curso 2010

Hoxe rematamos este curso. Pasou voando!- dicía unha nai- Parece que foi onte cando empezamos as clases!

Foi un día divertido co xogo fin de curso, as festas de aula. Cheíño de emocións coas apertas e os bicos dos que se van a comezar unha nova andaina.


Os corredores inundados de risas, algún berro de emoción, música... viseiras vermellas que ían dun lado a outro, todos e todas na busca da sinatura dun amigo, dunha profe, de Paco...





























Que grande invento o da fotografía, que inmortaliza estes momentos irrepetibles e fainos permanecer no tempo e na memoria! Con estas imaxes, desexámosvos un feliz e relaxado verán e, xa sabedes, esperámosvos de novo o 10 de setembro, probablemente cun cole case novo!!
Bicos a todos e todas de... brisa mariña! Ata despois :-)!!



xoves, 17 de xuño de 2010

Faladeiros 2010

Xa temos en formato dixital a edición deste ano da nosa revista Faladeiros.
Queremos agradecer a todas as persoas que contribuíron a que esta revista fose unha realidade: ao profesorado en xeral, aos alumnos/as, á ANPA, ó IES de Rodeira, o CEIP do Hío, á profe Patricia, que realizou un gran traballo de coordinación, a Violeta, nai de Antía, que se encargou da maquetación e o deseño e que puxo toda a súa profesionalidade á nosa disposición...
Froito deste traballo colectivo, este magnífico resultado final:


martes, 15 de xuño de 2010

Festa fin de curso 2010!

Aínda que as predicións meteorolóxicas non eran moi esperanzadoras, tiñamos encargado un día de sol, e Lorenzo non nos fallou.








Nos xogos, pola mañá, moitíiiiiiisima participación infantil. Como non, Stabri un máis, pasando de man en man e de xogo en xogo. Foi esta a razón de que o domingo, xornada de descanso, tivese que pasar pola lavadora. Hoxe está impoluto, cun perfume embriagador!!
































Agradecemos a colaboración dos pais e das nais, sen eles/elas estes xogos simultáneos non poderían levarse a cabo. Tiñades que ver como tiraban os pequerrechos da corda! Os maiores caeron rendidos ós seus pés, case literalmente!





Tivemos os/as mellores presentadores/a: unha dicción!, unha simpatía!, comentaristas
deportivos e culturais sen parangón! Estes mozos e mozas de 6º prometen!








Ó mediodía, moitas familias compartimos empanada, tortilla, pizza, torta... entre risas, anécdotas e a alegría de fondo dos de 6º que comían xuntos/as, invitados pola ANPA.











Non podemos esquecernos dos antigos alumnos/as que participaron, colaboraron e agasallaron ó colexio e á ANPA. Fixeron un bordado a punto de cruz co nome do colexio que é unha mostra do bo recordo que teñen do centro, que ben nos sentimos por isto :-)!!!





No concurso culinario, houbo de todo, tortillas, un roscón para alérxicos, unha torta de piña, croquetas, empanada, unha sobremesa portuguesa portugués con fideos e canela... aínda que esta vez os pratos premiados estiveron bastante claros.

Pola tarde, exhibición das actividades extraescolares:







Teatro, con dúas obras, a primeira titulábase “O microscópico, minúsculo, diminútico circo de pulgas”, un texto de Fabián Sevilla. A segunda obra é “Zongalo Quirico”, unha adaptación da narradora, poetisa e dramaturga galega Gloria Sánchez que trata o tradicional conto do Galo Quirico.










Patinaxe, foron moi vistosas as coreografías e quedamos impresionados/as polo traballo dos pais e nais maquilladores/as, verdadeiras obras de arte no rostro!

































O CEIP de Espiñeira, Aldán, sorprendeunos cunha exihibición de kárate. Batuka e bailes das alumnas de 4º e de 5º puxeron ritmo á festa.











Os nenos e nenas de 6º, facendo honor do seu trilingüismo, cantaron "No more trouble", de Bob Marley.


















A exposición fin de curso tivo moita afluencia de familias, encantáronlles as fotos que recollían algunhas das actividades escolares de todo o curso. Stabri tivo un lugar especial na exposición.






























Queremos agradecer á ANPA todo o seu esforzo para que puidésemos gozar desta festa :-)

E, por último, dicirvos que a celebración foi dobre, xa que ¡¡por fin cortaron os perigosos eucaliptos que estaban preto do colexio e que nos quitaban tanto sol en inverno!!
¡Sen tempo non era!