Subscríbete mediante RSS

pon o teu Email

martes, 20 de decembro de 2016

Unha postal emocionante




A Rúa quere obsequiarvos con esta postal chea de emocións:


Paso a paso, mellor curta en lingua minoritaria

   O festival Las Otras miradas de San Sebastián, ven de premiar o filme realizado pol@s alumn@s do ano 15/16 como Mellor curta en lingua minoritaria. 

   Sentímonos moi felices ao recibir este premio no cole e queremos compartir con vós toda esta emoción. Moitas grazas á organización do Festival por recoñecer o traballo destes rapaces e rapazas!

sábado, 19 de novembro de 2016

Paso a paso en San Sebastián

Fainos moita ilusión comunicarvos que a película Paso a Paso, foi seleccionada e será proxectada no Festival Internacional de Cine Las Otras Miradas de San Sebastián. 


O filme, realizado pol@s alumn@s do 6º curso no ano 2015/2016, proxectarase os días 22 e 23 de novembro ás 10h no Auditorio do Aquarium de San Sebastián. Tamén se proxectarán outros filmes realizados en Cinema en curso: ‘La nit més llarga’(Escola Rafael Alberti, Badalona), ‘Adéu’ (Escola de Bordils, Bordils), ‘La llegada de Tefi’ (Escuela Cornelia Olivares, Santiago de Chile), ‘Emilia’ (Liceo Experimental Manuel de Salas, Santiago de Chile) e ‘Aurora de un encuentro’ (Liceo Experimental Manuel de Salas, Santiago de Chile).
Para coñecer o programa completo deste festival podes visitar a súa web.

Para volver a ver o filme preme aquí.

domingo, 13 de novembro de 2016

Celebramos o magosto




    Este ano adaptamos o magosto ao noso tema núcleo, A rúa das emocións. Fixemos equipos para participar nos xogos populares, comemos castañas, emborrallámonos as caras e sobre todo pasámolo moi ben!

Podes ver como o fixemos nas seguintes diapositivas!

Os xogos:

A Rá:



Os Bolos:



Carreiras con culleres:



O Baile:



O Pano:



1, 2, 3 Castaña do revés:



A Mariola:



As Cadeiras colaborativas:



As Chapas:



O Paracaídas:





E por fin, as castañas!!




mércores, 9 de novembro de 2016

Deixando atrás no festival Cineuropa






   O documental Deixando atrás realizado polos alumnos  e alumnas do ano 2014/2015 exibirase no Festival Cineuropa 2016.


   O Mércores 23 de novembro no CINEMA NUMAX, dentro da programación do festival, será o turno para unha selección de traballos realizados dentro do proxecto CINEMA EN CURSO

   Podedess consultar o programa completo premendo aquí

  Nós, sentímonos moi orgullos do traballo realizado polos nos alumnos, Parabéns!

                                 Preme aquí para ver o documental.




mércores, 26 de outubro de 2016

O Samaín xa está preto!










O Samaín está a piques de se celebrar, pero que é realmente esta data?, que se celebra? sempre foi así en Galicia?

   A palabra “Samaín” procede de “Samhaín”, termo gaélico que significaba final do verán. 

   Era unha festa pagana, non relixiosa, dos celtas. Xurdiu por primeira vez en Irlanda.

   O calendario celta dividíase en dúas metades. A metade escura comezaba no mes de Samonios (outubro e novembro) e a metade clara no mes de Giamonios (abril e maio). Do 31 de outubro ó 1 de novembro celebraban o fin de ano, coincidindo co final da colleita. Era ó final do verán e o comezo do novo ano que coincidía co inverno. Os celtas acumulaban nestas datas os alimentos para o inverno e tamén sacrificaban animais.


   Os pobos celtas que poboaron Europa (Galicia, Irlanda, parte de Gran Bretaña) levaban celebrándoo 3000 anos. Dende o ano 100 d.C. celébrase o 31 de outubro.

   O 31 de outubro os druídas (sacerdotes, médicos, xuíces e profesores) recollían as bagas do acivro cunha fouce de ouro. A fouce era de ouro porque os celtas considerábano un metal puro. Poñían as bagas nun caldeiro ou manto branco que o sostiñan outros dous druídas. Estas bagas tiñan poderes curativos para o poboado e para as súas pocións máxicas. Os druídas tamén ían esa noite polas casas pedindo alimentos para facer ofrendas e levaban con eles un nabo oco polo medio e con carbóns acendidos dentro. 


   Nesta noite, o 31 de outubro, as almas dos mortos atravesaban a porta que separaba o mundo dos vivos e dos mortos, para que a xente puidera reunirse cos seus antepasados falecidos. Poñían as caveiras dos inimigos nas portas das casas cunha candea dentro para espantar aos malos espíritos. Tamén amontoaban as caveiras dos seus mortos e dos seus inimigos e pintábanas.

   Ninguén podía saír do pobo esa noite pois os espíritos dos mortos viñan visitar ás súas familias e comer os alimentos que lles tiñan preparados con cariño os parentes. Mesmo lles deixaban un servizo na mesa e unha cadeira libre. Viñan quentarse á calor do lume da lareira (que quedaba aceso toda noite) e non varrían o chan para non afastar ás ánimas. 



   Por todo o pobo había fogueiras. Non se acendían para espantar aos malos espíritos, senón para guiar aos mortos na escuridade da noite, para que atopasen aos seus parentes e ás súas casas. Deixaban mazás nas beirarrúas e nos camiños para os espíritos perdidos ou que non tiñan descendentes.


fonte: http://pistonscerebrais.blogspot.com.es/2012/10/informamonos-sobre-o-samain.html

domingo, 23 de outubro de 2016

Ciencia na Rúa

 

   O luns 17 de outubro recibimos ao home do tempo de V Televisión na nosa biblioteca para falarnos de metereoloxía e astronomía. A actividade estaba programada dentro do programa Divulgaciencia.

   Xavier Fonseca, nacido en Cangas, falounos de moitas cousas interesantes; que os arco iris son realmente círculos pero non os vemos completos a causa da linea do horizonte; do efecto invernadoiro sobre o quentamento da Terra; da auga conxelada de Marte; os bloques de xeo nos aneis de Saturno e moito máis.

Foi unha charla moi entretida e interesante!

sábado, 22 de outubro de 2016

Saímos de cine



Os  nen@s de Educación Infantil e Primaria saíron ao Auditorio de Cangas para unha sesión de cine club.

Dentro da programación do Cineclub de Cangas, @s nen@s de Educación Infantil visionaron 6 curtos, historias poéticas, tenras e divertidas. Os de 1º a 4º de Primaria puideron disfrutar da longametraxe " O menino e o mundo", unha historia dun neno que emprende unha viaxe apaixonante en busca do seu pai.

luns, 3 de outubro de 2016

A Rúa das emocións





   Este ano, nen@s e profes traballaremos, falaremos, aprenderemos, compartiremos...pero por riba de todo, SENTIREMOS.

O proxecto do noso centro trata sobre as emocións, tan presentes na nosa vida como o respirar. Intentaremos identificalas, regulalas e aceptalas. 

TODAS VALEN E TODAS SON NECESARIAS PARA SER QUEN SOMOS!!!!

xoves, 8 de setembro de 2016

A ANPA publica as actividades extraescolares

A ANPA ven de publicar no seu blog a oferta de actividades extraescolares para o curso 2016/2017. Podes consultalas premendo  aquí.


 web da ANPA

mércores, 17 de agosto de 2016

Calendario escolar 2016/2017


  Preto do comezo das clases, aquí o calendario escolar publicado pola Xunta na dirección  http://www.edu.xunta.gal/portal/calendarioescolar

Os detalles do periodo lectivo, vacacións e festivos. Añadindo tamén o 2 de Maio como día non lectivo para os centros de Cangas:


venres, 8 de xullo de 2016

Fondo de libros



Comunicamos que non se publicarán listaxes do fondo de libros porque o vindeiro curso 2016-17 non se pedirán libros de texto nin para 3º nin para 4º de Primaria.

luns, 4 de xullo de 2016

Listaxe de libros de texto para o ano 2016-17


  Estes son os libros para 1º e 2º curso para o vindeiro ano, como saberedes non necesitades mercar libros para o resto de cursos.


xoves, 23 de xuño de 2016

Presentamos ao mundo Móvete por Cangas


 Estamos moi orgullosos de presentarvos a nosa guía turística Móvete por Cangas
 
   Mara e Nerea xunto cos representantes de cada curso deron a coñecer un dos proxectos de A Rúa para este curso.

  Estes son os enlaces das publicacións en prensa e do concello nas que falan do noso traballo:


No Faro de Vigo:

http://www.farodevigo.es/portada-o-morrazo/2016/06/22/guia-ninos/1485052.html

En morrazoaldía.com:

http://morrazoaldia.com/gl/una-guia-turistica-de-cangas-dirigida-a-los-ninos-y-ninas/


Na web do concello:

http://www.cangas.gal/portada/np_guia_movete_por_cangas.pdf


E o enlace para ver a guía:



 http://ceiparua.wix.com/moveteporcangas


mércores, 22 de xuño de 2016

Roni recoméndavos lecturas para o verán

Roni, a mascota da nosa Biblio, recoméndanos para o verán uns cantos libros, atendendo aos diferentes niveis de educación infantil e de primaria. 

 Podedes velos e descargar o tríptico no ficheiro adxunto.
 

luns, 30 de maio de 2016

Celebramos o Correlingua


Por fin chegou a Cangas o Correlingua, aínda que a chuvia case nolo estraga.


Os nenos e nenas de 1º a 5º de Primaria do CEIP A Rúa xa estabamos preparados ás 9:30 coa nosa chapa, unha pucha azul e un colgante co nome do noso cole para ir camiñando ata o Concello.



 
Alí xuntámonos con outros coles da comarca e comezamos a marcha pola defensa do galego, que rematou na esplanada de Ojea cunha gran festa amenizada polo grupo “A Gramola Gominola” despois de escoitar o manifesto impulsando o uso da nosa lingua.

venres, 20 de maio de 2016

Celebramos o Día das Letras Galegas 2016

 

Como xa sabedes, a Real Academia Galega adica o Día das Letras Galegas a un autor/a que amosara ao longo da súa carreira o seu compromiso coa lingua e a cultura galega. Neste ano 2016 o homenaxeado foi o poeta de Outeiro de Rei, Manuel María, e no noso cole quixemos celebrar esta data con moito agarimo.





  Preparamos unha exposición representando unha das obras máis coñecidos de Manuel María, "Soños na gaiola", onde podemos ver a súa bibliografía, poemas seus ilustrados e algúns retratos deste poeta. E como moitos dos seus poemas están adicados aos elementos da natureza, tamén atopamos o cartel representando unha árbore con palabras e o arco da vella.



martes, 10 de maio de 2016

Actividades da Semana Intercultural nos cursos de 3º, 4º e 5º de primaria

Durante a semana do 2 ao 6 de maio tivemos na nosa escola varias actividades no marco da Semana Intercultural organizada polo concello de Cangas.

O grupo de 3º de primaria coñeceu historias do Oriente Próximo: Líbano, Palestina... a conta dunha persoa que viaxara por eses países.


O grupo de 4º curso gozou coas historias do xenial Anxo Moure contra as guerras no mundo e a favor da paz.


O alumnado de 5º curso atendeu a unha charla sobre comercio xusto e consumo responsable e participou na elaboración dunhas recetas gastronómicas doutros países.

Os alumnos/as de 5º amplían a información na entrada do seu blog.

Representación teatral de Don Quijote por alumnado do IES Johan Carballeira

Un grupo de alumnos e alumnas de 4º de ESO e 1º de Bacharelato do IES Johan Carballeira de Bueu, viñeron ao noso centro representar unha escena da obra Don Quijote, de Cervantes. Don Quijote e Sancho Panza amosáronse en plenitude e conquistaron os corazóns dos nosos espectadores.



Como introdución os seus compañeiros/as ofrecéronnos un espectáculo de baile moderno con acrobacias.


mércores, 9 de marzo de 2016

Plantamos árbores nos montes de Coiro

https://plus.google.com/u/0/111134868280579988902/posts/D2sW3SQKaj7?pid=6259821662860452386&oid=111134868280579988902Os alumnos de 6º curso do CEIP A Rúa participamos a semana pasada nunha plantación de frondosas no Monte Pequeno, invitados polos comuneiros de Coiro. Plantamos cerdeiras, bidueiros, freixos, acivros e castiñeiros que bautizamos de xeito espontáneo cos nomes de coñecidos/as cineastas, con motivo do noso proxecto Cine en Curso, que estamos desenvolvendo estes dous últimos cursos.


Todo xurdiu cando decidimos levar a cabo unha acción de mellora da contorna que nos rodea. En principio pensamos en repoboar un monte queimado. Falamos cos comuneiros de Moaña que coñecía a nosa compañeira Mar. Eles déronnos unha charla moi interesante sobre incendios e o papel da comunidade de montes na conservación dos nosos espazos verdes. Indicáronnos que repoboar un monte queimado era perigoso polos residuos tóxicos. Propuxéronnos falar coa comunidade de montes de Coiro e replantar algunha zona próxima ó colexio. Así fixemos.


Foi unha xornada marabillosa, Manolo Soaxe e Miguel foron ensinándonos polo camiño plantas e árbores, distinguindo as autóctonas das foráneas. Levabamos un plano e iamos situando os barrios, os cruceiros, as fontes... Unha vez en Monte Pequeno, os comuneiros tratáronnos de marabilla, falándonos do seu amor e dedicación ó monte e da necesidade de relevo xeneracional. Dende aquí queremos animar a todos os veciños de Coiro a participar con eles nesta laboura tan importante. Rematamos cunha merenda en Monte da Pena e coa promesa de regar as nosas árbores en verán e colocarlles un cartel co seu nome de cine. O pai de Xoel vainos axudar a gravar as letras nuns cachos de madeira procedentes de palés que reutilizaremos. Será xenial!
Saímos nas noticias no xornal Faro de Vigo, o día 1 de marzo, co título: Unha plantación de cine nos montes de Coiro.

No vídeo que segue, un dos comuneiros explícanos a lenda da pedra da Pena, onde seica había unha doncela encantada que...


martes, 8 de marzo de 2016

Móvete por Cangas xa ten deseño!


Así loce a nosa guía de Cangas co seu novo e flamante deseño creado por Mónica de 6º curso. Un deseño moi colorido e dinámico! 


Parabéns a Mónica e a tódolos outros deseños que xa están expostos nas escaleiras do cole.  







martes, 1 de marzo de 2016

Buscando un deseño para Móvete por Cangas



  Xa estamos preto de coñecer o deseño para as letras que formarán o título da nosa guía turística.




  Como xa saberedes andamos construíndo unha guía turística de Cangas. Feita por nen@s e dirixida a nen@s.

   Este proxecto forma parte de Piensa, Crea, Acción... pero tamén entra dentro das actividades do 25 aniversario do CEIP A Rúa.

   Todo o que quixo participou propoñendo un deseño para a frase "Móvete por Cangas". As normas eran bastante poucas, pero había que respectalas; facer un deseño limpo e claro e preferiblemente co fondo en blanco.

  Así, de entre todos os presentados, fíxose unha selección da que sairá o deseño elixido para o título da nosa guía. Todos os deseños presentados serán expostos polos corredores do cole.

   O gañador saberase  moi pronto. Entrementres podedes visitar a guía (en construcción) para facervos unha idea e ir vendo como o imos enchendo de contidos ou mesmo aportar as vosas ideas.

 Preme na seguinte imaxe:



 Reporteiro: Roni

sábado, 27 de febreiro de 2016

Todos xuntos: Adiós ríos, adiós fontes!

  Este 24 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía de Castro. En A Rúa quixemos celebralo con moitas ganas e así lembrarnos desta gran poetisa galega.



  Mandalas, collages, libros, cantigas, debuxos, reportaxes para o noso xornal Faladeiros, etc, todos os cursos fixeron algún traballo na aula. 

  
  Tamén buscamos información sobre a súa vida e obras, convertémonos en poetas e poetisas e, para rematalo, recitamos unha versión do seu poema máis famoso Adiós ríos, adiós fontes.

  Un día de festa para conmemorar outro ano máis O Día de Rosalía de Castro.


Podedes ver o seguinte vídeo para ver os nosos traballos e o recitado.

venres, 26 de febreiro de 2016

Procedemento de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso 2016/2017



Os postos escolares vacantes estarán publicados no taboleiro de anuncios do centro, e son os seguintes: 


EDUCACIÓN INFANTIL
  • 4º curso de Educación Infantil (3 anos): 22 prazas + 3 para n.e.e.
  • 5º curso de Educación Infantil (4 anos): 1 prazas
  • 6º curso de Educación Infantil (5 anos): 4 prazas
EDUCACIÓN PRIMARIA
  • 1º curso de Educación Primaria: 2 prazas + 3 prazas para n.e.e.
  • 2º curso de Educación Primaria: 2 prazas
  • 3º curso de Educación Primaria: 5 prazas
  • 4º curso de Educación Primaria: 9 prazas
  • 5º curso de Educación Primaria: 0 prazas
  • 6º curso de Educación Primaria: 4 prazas
PRAZOS:
  • Solicitude de admisión e entrega de documentación: do 1 ao 29 de marzo.
  • Presentación de documentación adicional se hai que baremar: do 13 ao 19 de abril.
  • Publicación de listas provisionais de admitidos e non admitidos: antes do 25 de abril.
  • Reclamacións ás listas provisionais: do 26 de abril ao 2 de maio.
  • Publicación de listas definitivas de admitidos e non admitidos: antes do 15 de maio.
  • Formalización de matrícula: do 20 ao 30 de xuño.
DOCUMENTACIÓN NECESARIA
  • Impreso de solicitude de admisión (recóllese en Conserxería)
  • 2 fotografías tamaño carné
  • Fotocopia do libro de familia ou do DNI
  • Certificado médico ou fotocopia da cartilla de vacinas
  • Fotocopia da cartilla da Seguridade Social ou seguro do/a neno/a
  • Certificado de matrícula do centro de procedencia, de ser o caso
  • Certificado de empadroamento (só no caso de baremar)
INFORMACIÓN DE INTERESE
  • Cada alumno e alumna só pode presentar unha única solicitude no centro no que solicite praza en primeiro lugar, advertindo que a infracción determinará a perda dos dereitos de prioridade que poidan corresponderlle.
  • O alumnado que ten garantía de permanencia nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicalo, ao mesmo tempo, ao centro de orixe.
  • Que o alumnado que ten reservada praza nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicar a renuncia á reserva antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión.

    A lexislación de referencia e os formularios de solicitudes atópanse nos seguintes enlaces:

domingo, 7 de febreiro de 2016

25 ANOS DE ENTROIDO

ESTE ANO ADICAMOS A SEMANA DE ENTROIDO Ó NOSO 25 ANIVERSARIO.

O MECO DEUNOS DÍA A DÍA AS CONSIGNAS PARA DISFRAZARNOS:






O LUNS TE DISFRAZARÁS E O NÚMERO 25 NA CABEZA TRAERÁS



 O MARTES O CORPO CUBRIRÁS E UNHA TARTA SERÁS



O MÉRCORES DISFRUTARÁS PORQUE ALGO PARA A CARA TE INVENTARÁS



 O XOVES TODO XUNTARÁS E UN DISFRAZ COMPLETO TERÁS.  



A SEMANA FINALIZOU CUN DESFILE DE DISFRACES POLA RÚA.

OS REPOSTEIROS DA TARTA DO
 25 ANIVERSARIO

OS MARIÑEIROS







O CINEMA


 RONI TAMÉN SAÍU A CELEBRALO



AO REMATAR O PASARRÚAS CANTAMOS A COPLA, QUE ESTE ANO A FIXERON TODOS/AS OS NENOS/AS DO COLE E LEVABA POR TÍTULO "25 ANOS XUNTOS" 



COMO COLOFÓN DE TODA A CELEBRACIÓN QUEIMAMOS O MECO, QUE EN ESTA OCASIÓN, OS RAPACES E RAPAZAS DE 6º, BAUTIZARON COMO MARIPILI.