Estas bases serán agora remitidas ao resto dos partidos e a outras institucións como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega e o obxectivo da Xunta é que o novo modelo entre en vigor o vindeiro curso 2010-2011.
As bases do decreto contemplan que en Educación Infantil sexan os pais, a través dunha enquisa anual, os que decidan por maioría en cada centro o idioma vehicular dos seus fillos na aula. Os profesores, pola súa banda, terán a responsabilidade de que os nenos aprendan tamén as outras dúas linguas.
No caso da Educación Primaria e Secundaria, a consulta aos pais realizarase só cada catro anos. Nela, a maioría de pais de cada centro será a que decida en que lingua se imparten as materias troncais de Matemáticas e Coñecemento do Medio. O resto delas impartiranse nas outras dúas linguas ata compensar o total de xeito que galego, castelán e inglés teñan o mesmo número de horas, un 33%.
Estas son as liñas básicas dun sistema moito máis complexo co que Feijóo asegura que se cumpren todos os condicionantes que tiña sobre a mesa, propios e alleos. Así, o presidente di que se consegue un equilibrio total entre galego e castelán e se introduce unha terceira lingua.
Igualmente, indicou que os alumnos poderán falar na aula –excepto nas clases de linguas– en calquera dos tres idiomas con independencia do que fose elixido para impartir a materia. Feijóo tamén afirmou que con este sistema de tres terzos garantízase a “competencia equilibrada ao fin de cada ciclo nas tres linguas”. Segundo dixo, todo iso é tamén compatible con que os pais teñan capacidade de elección sempre dentro dos límites que marcan as sentenzas do Tribunal Supremo, o Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística.
O presidente asegura que o decreto cumpre todos estes condicionantes, aínda que recoñece que a súa posta en funcionamento, no que se refire á introdución do inglés, será complicada, especialmente pola capacitación necesaria dos profesores para impartir determinadas asignaturas. Nin el nin o conselleiro foron capaces de dar unha data para que o inglés alcance ese 33%.
Tamén manifestou que con este sistema de tres terzos se garantiza a “competencia equilibrada ao fin de cada ciclo nas tres linguas”. Porén, ante a pregunta de se o sistema finalmente non funciona e se revela que a competencia non é a mesma, o titular da Xunta indicou que “se hai desaxustes será probablemente por problemas pedagóxicos, non do decreto”, trasladando así a responsabilidade aos equipos educativos de cada centro.