Subscríbete mediante RSS

pon o teu Email

martes, 22 de decembro de 2009

Festa do Nadal 2009 no CEIP A Rúa

Hoxe celebramos a festa de Nadal no cole.
Xa ben cedo os alumnos e alumnas de 5º e 6º foron cantar unhas panxoliñas polas aulas dos demais cursos, coas súas frautas e os seus xilofonos, comezando polas aulas de educación infantil, para ter a todo o mundo ben esperto.


Un pouquiño máis tarde chegaron os Reis Magos de Oriente, pois os camelos hoxe non tiñan gañas de correr e ademais non quixeron entrar no cole e quedaron a comer herba nunha veiga que estaba cerca. Os Reis visitaron todas as aulas, recollendo nos seus sacos todas as cartas que os nenos e nenas escribiran pedindo os seus regalos.




Houbo quen pediu cousas moi difíciles, como unha fada madriña ou mesmo pós máxicos
, pero haberá que esperar a ver se hai sorte.



Despois os Reis regalaron a todos os nenos e nenas uns caramelos moi doces feitos directamente nas fábricas de Oriente e marcharon buscar os regalos que esperamos que nos traian o día de Reis, que é o 6 de xaneiro do 2010.



Cando se foron os Reis, na aula de educación infantil xuntáronse todos os nenos e nenas e fixeron unha gran festa, onde houbo comida a fartar con doces de todas as cores e sabores e despois un gran baile. O baile de moda é o de Coco, un tipo simpático que move as pernas, a barriga ou a cabeza segundo lle peta e nós todos bailamos con el.


Por outra parte, hoxe tamén recolleu o seu premio a gañadora das rifas que fixeron os alumnos/as de 6º curso para xuntar cartos para ir de excursión de fin de curso. Levouse o prometido xamón ibérico, e unhas botelliñas de viño e un queixo grande e redondo para acompañalo. (Na foto podemos ver o acto de entrega)



Á festa tamén se sumaron os antigos alumnos e alumnas do CEIP A Rúa, que agora xa están no IES de Rodeira e viñeron ensinarnos as súas excelentes notas, así que noraboa para todos e todas :-)



O resto das fotos podedes velas pinchando neste enlace.

2 comentarios:

  1. Aínda que non nos tocou a lotería nin o xamón, somos moi afortunados/as de poder compartir estes momentos de ledicia. A gozar das vacacións e grazas ó reporteiro por poñerlle imaxes ó noso Nadal.

    ResponderEliminar
  2. Unha festa ben bonita! Parabéns!
    Unha aperta e os meus mellores desexos para o 2010.

    ResponderEliminar